C (curtametraxes)

Cabeza de peixe

A buliciosa cabeza dun neno comeza a espertar. Atrapado nun mundo de pesadelo, entre a miseria e a vergoña, a súa única esperanza materialízase diante del. Un salvador que se cadra non é tal. 

Cadea perpetua

Uxía, unha doncela da corte e amante de Felipe II, é falsamente acusada por este de bruxaría e para subornala ofrécelle retirarse e ser exiliada á súa terra co froito do seu amor. Anos máis tarde descobre, á luz da lúa de San Xoán, a súa capacidade adivinatoria, mais días máis tarde descobre que en verdade é produto da súa loucura de amor por Felipe II.

Calcetin(e)s

Unha historia de ficción, na procura do amor por parte de Brais, que ten que enfrontarse ao seu descoloque no mundo por mor da reaparición dun trauma do seu pasado. Por iso e, tamén sexa dito, por un trompazo. 

Calquera infinito posible

Dous xogadores de xadrez: Anibal, un vello mariñeiro galego, un home escéptico despois de mil loitas contra a alma dun poeta; e Yotuel, un disidente cubano novo que quere seguir sendo comunista, pero libre. Dúas formas diferentes de sobrevivir ao pasado.

Calquera soño

Brais encapríchase de Xiana dende a primeira vez que coinciden na parada de Bus. Rubén, o irmán maior de Brais, advertiralle sobre o amor. Un mal soño vai trastornar a realidade de percepción de Brais durante os días seguintes.

Campás

Fernando, doutor da vila, acompaña a Manuel e Antón ao interior de Galicia, onde hai poboación e soldados feridos por mor da Guerra Civil. Polo camiño Antón comeza a lanzar pedras contra as campás das Igrexas. Fernando e Manuel non comprenden o porqué, pero saben que de seguir dese xeito, rematarán metidos nun problema.

Campelo: Expediente 1338

Unha cuadrilla de mozos adéntrase cunha cámara na abandonada base militar de Campelo para investigar os enigmas que a rodean. O que para eles comeza sendo unha simple aventura rematará na peor experiencia das súas vidas.

Can car odissey

Un home-can, futuro cineasta, decide rodar todo o que lle sae de dentro, sen subvencións nin produtora, tan só pola mera ledicia de crear. Sátira a conta dos tics do audiovisual galego.

Canción de Ninar

Obra subrealista onde a vella árbore da vida controla os sentidos e sentimentos dun individuo que fará seguir o ciclo vital en forma de mazá

Canción sen emoción

Lucía é unha xornalista moi nova. Non ten traballo estábel e pasa moitos días vendo películas e escribindo contos. A vida fóra do seu pequeno apartamento non ten emoción e pronto aprende que só cando soña ten liberdade.

Cantigas da emigración

Especie de videoclip concebido coma homenaxe aos emigrantes.Conta o drama do camiño e o camiñante cara a un destino lonxe da aldea..Ten música de Fuxan os ventos, Amancio Prada e Benedito.

Carabás

Historia que xira arredor da misteriosa desaparición de Isabel, e de como a a pesquisa na súa procura leva ao descubrimento dunha doenza oculta, o síndrome de Carabás. 

Carapuchiña e o Pobo Feroz

O Lobo vive só nos bosques. Un día coñece a Carapuchiña, unha fermosa rapaza filla dun rico terratenente. Fan bo caldo, e comezan a pasar moito tempo xuntos. O que semellaba unha relación soñada, vaise converter para o Lobo nun pesadelo cunhas consecuencias fatais.

Carraxe

Este drama trata sobre as complicacións, desexos, sentimentos e paranoias que o amor prohibido pode facer na vida das persoas.

Castelos de fame

Fronteira da Galiza con Portugal nos anos 50, tempo de contrabando. Un Garda Civil novato recentemente chegado a As Neves (Pontevedra) dende Madrid ven disposto a impor a lei ao pé da letra, mais o enfrontamento cun dos contrabandistas da zona e o seu desenlace final fanlle ver a verdadeira situación que se vivía na Galiza rural.

Cavilar

Cóntanos a historia que ocorre moi amiudo cos nosos vellos. Neste caso, unha ancía sofre o Síndrome de Dióxenes e vive soa, sen que ningún dos seus fillos a atenda. 

Chameleon

Curtametraxe subrealista que narra a presión á que está sometida unha persoa; do seu traballo, do seu xefe, da súa parella sentimental.... 

Chans inmensamente fríos

O tempo estase esgotando para unha parella. A morte sentimental agárdaos nun tempo reducido. A conta atrás xa está activada. O futuro xa está aqui. 

Chemistry

Todos nos facemos preguntas sobre o amor . Que fai que un home e unha muller interactúen entre si? Como nace o amor?.

Chicken Gun

Conta a historia de Viriato e Tirillas que tras gastar o diñeiro da caixa da tenda de polos de Manoli (muller e irmá de ambos os dous), xogando ás comecartos, deciden atracar unha gasolineira que se atopa aos arredores da cidade. Alí traballa Sito, ao que sen pretendelo lle farán a vida imposíbel.

Chorima

Hai amores que son como a flor do toxo. Un home captura á muller que fuxiu da casa e regresa con ela. El desafógase falándolle, berrando, botándolle en cara un feixe de cousas. 

Chourizos e augardente

Un western galego en clave de comedia, unha retranca do Lonxano Oeste, do Lonxano Oeste penínsular. Unha loita pola supervivencia.

 

Chuvia

Curtametraxe realizada por Eugenio Granell no 1961.  Fita rodada en Súper 8 e coloreada a man, forma parte dun primeiro grupo de curtametraxes surrealistas que inclúen “Invierno” (1960), “Lluvia” (1961) e “Dibujo” (1961) que teñen un valor artístico claro porque os rolos orixinais obrigan á proxección manual converténdoo a exhibición dun xeito case privado. 

Centolos e gaitas
Conta a historia dun grupo de veciños das Illas de Ons que pensan que xa chegou a hora de que esas Illas Atlánticas sexan independentes do Reino de Galica, de España e incluso da UEFA.

Coa túa cara

Un asasino a soldo é contratado para acabar coa vida dunha persoa anónima. Todo sae dacordo co previsto mais esta morte é o punto de inflexión no estado psicolóxico do noso protagonista, que a raíz do seu traballo comeza a ver e sentir a presenza dunha muller nos seus soños e na súa casa. 

Coco e Bobo, de paseo pola realidade

Unha homenaxe ao cine mudo de Chaplin e Keaton. En branco e negro, sen palabras e con moito humor, Coco e Bobo deambulan en busca dun traballo xeitoso e un pouco de amor.

Comando 42

O Comando 42 reúnese por última vez para decidir o futuro desta organización terrorista armada. Mais tamén está en xogo o futuro dos membros do grupo.

Coma unha escada

Curtametraxe inspirada no poema homónimo do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Interpretado p José María López Baño "Tanas".

Comentarios aparte

Unha broma de dubidoso gusto, pero co seu punto de graza, convértese na escusa perfecta para enxalzar a amizade, o cachondeo e o compañeirismo entre amigos.

Compromiso

Xavier e Sonia confésanse o seu amor e a dificultade de manter unha relación xa que algo a impide. Transcorre o tempo e ese impedimento faise máis pesado de levar e Sonia quere cambios. Sair xuntos de alí está nas mans de Xavier e este anúncialle a Sonia que moi pronto acontecerá. Cando Xavier está decidindo o xeito de fuxir, algo acontece...

Conciencias tranquilas

As novas do xornal sonvos para facer chorar a calquera... Ou estamos xa habituados á dor allea? Ninguén é quen de facer nada? Temos as conciencias tranquilas ante o que ocorre no mundo? As veces o fin xustifica os medios.

Contar

Conta unha historia dramática en Galicia alá polo ano 1809, no pobo de Pontesampaio. Un home ferido na loita dos galegos contra a invasión francesa relata a historia da súa vida. 

Conversa cunha muller morta

Luís acaba de saír do cárcere onde cumpriiu condena polo asasinato da súa muller Elena. Cando chega á gran casa que ambos os dous compartían, Elena aparéceselle "de entre as mortas" para manter unha conversa con el.

Cores

Historia ambientada na Guerra Civil Española onde se reflexa as inconcluencias e a estupidez do ser humano.

Coruña imposible

Un home esperta na praza de María Pita da Coruña practicamente espido. Atordado e avergoñado, tenta atopar algunha prenda de roupa coa que cubrirse e regresar canto antes á casa, pero ese obxectivo non lle resultará tan doado como parecía.

Coser e cantar

Historia real que aconteceu en Verín no ano 1955. A protagonista é Elena, Raíña do Entroido de Verín aos seus 12 anos de idade, e que loita por ser actriz. A protagonista tentará converterse en cantante nunha época escura e reaccionaria como foi o franquismo.

Cousas do Kulechov

Un exército invade Galicia. O relato ficticio artéllase en torno aos seguintes eixos: Desembarco inimigo nas costas, destrución de poboacións, fuxida ao interior, resistencia, reconversión do sector pesqueiro e gandeiro en industria bélica e vitoria final. 

Cova Alumada

Un poema homónimo de Díaz Castro onde nos fala de cousas tan simples e ao mesmo tempo tan complexas como un sol sen noite ou o escombro dun soño que non se vai erguer.

Covarde, paspán, miñaxoia

Narra unha historia común de covardía adolescente fronte a unha moza da que gosta, e os pensamentos que un podería ter nese caso.

Cóxegas

A Pantalla dividida en dúas partes amosa dúas habitacións onde se desenvolve a vida cotiá dunha parella a distancia mentres os escoitamos nunha conversa telefónica.

Crisálida

Un mozo que escapou da casa descobre que seus pais usan carteis nas rúas para tentar atopalo. O que non saben é que ese mozo cambiou e mudou noutra cousa, moi diferente do que era antes. Os seus medos e inquedanzas lévano a recluirse na sua mente e a autosecuestrarse para levar a bo termo a súa mutación. 

Crise

Thriller intrigante, onde un bancario que acaba de ficar sen traballo, vese envolto nunha trama que o fará tomar un camiño insospeitado.

Cuestión

O obturador está a captar a imaxe senón algo máis que permite dilatarse a condensación semántica da fotografía facendo da composición en movemento unha acumulación de instantes decisivos. Deste xeito a posta en escena convídanos da arte da dramaturxia a acceder a códigos de interpretación que só eran aplicados a determinadas manifestacións artísticas.

Cun par de `güevos´

Esta historia retranqueira trata dun mozo que ten unha fobia moi particular e pouco afortunada, un medo arrepiante ao número dous. Vai sufrir un inferno o día do seu 22 aniversario.

Currican

A mirada de Xan Curricán guíanos polas rúas de Vilanova de Arousa, unha vila chea de interminables cadros e inesquecibles epifanías.