D  (longametraxes)

Dame algo

Benigno, orfo e recentemente saído do cárcere, dáse conta de que fóra da prisión a vida non lle vai regalar nada. Para cambiar o seu rumbo organiza un secuestro no albergue onde malvive... fronte as cámaras de televisión. Ameaza con matar a todos se non lle deixan facer o seu propio show.

Dame lume

Dengue, un tímido bombeiro inocente e apaixonado, é vítima involuntaria dunha trama para extorsionar ao seu poderoso e corrompido pai. O instrumento da extorsión é Candea, unha profesional que se namora do mozo contra a súa propia vontade. 

De bares

Centos de fotografías, de fragmentos de realidade, adornan as paredes dun bar. Óscar, un home duns trinta anos, obsérvaas mentras espera pola súa moza. Cada obxeto, cada instante, cada rostro anónimo dá paso a unha historia diferente.

Delta
Un pai decide deixar nun segundo plano a súa actividade laboral para se ocupar dos fillos pequenos, algo que non entenden nin os seus amigos nin a súa muller.

De profundis

Historia con raíces nos mitos da cultura atlántica. Os protagonistas do filme  son un pintor que soña ser mariñeiro e pescador, e unha muller que toca o violoncello, namorados e compartindo unha casa no medio do mar.

Diario dun skin

O xornalista co pseudónimo Antonio Salas infíltrase nun grupo de neonazis tras presenciar o asasinato do seu compañeiro e cuñado en mans dun deles, polo só feito de ser sudamericano. Dentro da historia, involúcrase con eles e adopta a súa estética, chegando mesmo a dar ideas para preservar a pureza da raza.

Días azuis

Tres irmáns moi unidos chegan a unha vila nas proximidades de Ferrol para pasar a súa derradeira fin de semana alí. A esmorga destes días alí ten un sabor agridoce, porque veñen despedirse da casa familiar na que pasan o verán dende sempre, xa que acaban de vendela.

Días de voda

Sonia, a filla dun importante editor, vai realizar o soño da súa vida casando con Rosendo. El é un garboso escritor con tendencias homosexuais, que en realidade desexa máis o novo premio literario que creou o seu futuro sogro que á súa prometida. A celebración do casamento traerá inesperadas sorpresas

Divertimento

Daniel Osantos, un popular actor de televisión, está a piques de conseguir o papel da súa vida. Inseguro en canto ó seu talento decide entrevistarse cun lexendario actor que non estará disposto a amosarlle os seus segredos e que lle proporá un xogo.

Doentes

A historia narra os avatares dos dous personaxes, que percorren a cidade entre as sete da tarde e as sete da mañá, nunha Compostela trepidante, chea de sorpresas, e verdades inconfesábeis. Unha noite de apacíbel vagabundeo convértese nunha louca carreira pola supervivencia. 

Dhogs

Un solitario taxista circula de noite polas rúas dunha cidade. No mesmo lugar, o encontro casual entre un home de negocios e unha muller lévanos a unha aventura, a un deserto, a un crime… Dhogs é un relato imprevisíbel e obsesivo, situado nos lindes da ficción. Cando non sabes que pasará despois. 

Drako

Diego é un mozo arxentino que toca na banda dun cantante punk que é unha persoa fría e sedutora. Diego cae no magnetismo del, mais axiña comezará a descubrir o seu pasado escuro.