A idea de capturar movementos viña de antigo. Inventos coma a cámara escura ou o taumátropo conseguían dar unha certa ilusión de movemento. Arredor de 1893, Eadweard Muybridge fixo unha serie de fotografías nas que logrou descompoñer o galope dos cabalos en varios fotogramas.
Fotogramas de Eadweard Muybridge.(1893)
O médico francés Jules Marey, co seu “ fúsil fotográfico” distraíase en Nápoles apuntando ás aves para fotografar en varias secuencias o voo das gaivotas e outros paxaros da zona. Os campesiños terminaron por denuncialo ás autoridades dicindo que viran a un tolo que disparaba ás aves pero nunca daba alcance a ningunha, o que parecía enchelo de satisfacción.
Étienne-Jules Marey, inventor do fusil fotográfico.
Dende moi antigo, o home de distintas épocas e lugares intentaron plasmar imaxes en movemento. Na procura deste obxectivo xurdiron moitas búsquedas de xeitos, modos e trucos que iríanse perfeccionando co tempo ata a aparición do cinema. Uns precedentes que se poden albiscar nos mecanismos que rexían o teatro de sombras, as sombras chinescas e as lanternas máxicas. Todos eles eran espectáculos itinerantes que percorrían as grandes cidades e feiras, tendo sesións en lugares que van dende o boato de cortes e teatros principais ata os improvisados barracóns de feiras. Ó longo do século XIX popularizouse este tipo de espectáculos, ós cales se ían incorporando, a modo, os adiantos tecnolóxicos, sobre todo os de orixe fotográfica: lentes, emulsións, películas,... Unha estreita relación coa ciencia que suporía que os distintos trebellos ópticos se fosen perfeccionando a unha velocidade de vertixe e, deste modo, temos contabilizado moreas de nomes como os poliestoramas, cosmoramas, agioscopo, estereóscopos, calicromos, dioramas, neoramas, polierama, panorama,...
Praxinoscopia Lanterna máxica Zoótropo Fenaquitiscopio
Entre os máis subliñables que percorreron os camiños de Galicia; temos ós procedentes de Inglaterra como Sir William Walter ou Mr. Cupper, os franceses Brunet, Cramer e Berdot, os italianos Pianca, Magiocco e Barbajelata, o suizo Luard... e como non, tamén os autóctonos, os galegos Manuel Parga, Ramón Gil, Francisco Contreras, Nicolás Domínguez, Ramón Cocina ou Manuel Carrera.
A historia do cinema comezou o 28 de decembro de 1895, cando os irmáns Lumière proxectaron publicamente a saída de obreiros dunha fábrica francesa en Lyon, a demolición dun muro, a chegada dun tren e un barco saíndo do porto.
Primeiros filmes dos irmáns Lumière. (1895)
Alexandre Jean Promio foi un operador francés de cámara dos irmáns Lumière, e un dos pioneiros da cinematografía mundial que gravou en moitos lugares do estado español. Non se ten constancia de que rodara ningún tipo de imaxes nin eventos en Galicia.
Vistas de Madrid. (1895)
O éxito deste invento foi inmediato, non só en Francia, senón tamén en toda Europa e América do Norte, onde Thomas Edison xa gravara numerosas escenas que un espectador á vez podía ver a través dun kinetoscopio. Foi Edison tamén o quen inventou o cinema sonoro en 1902, pero o son era tan débil que non resultaba práctico. No primeiro estudo de cinema, de 1890, rodou as súas películas William Dickson. Tratábase dun barracón iluminado por unha gran vidreira montada sobre pivotes rotatorios que recollían de forma continua a luz solar. En 1894 nacían as primeiras proxeccións co norteamericano Mervyn Lle Roy, pioneiro do proxector moderno, e o 14 de abril daquel ano, nun local do Broadway neoiorquino, os irmáns Tate instalaron unha especie de “ multicine”: dez kinetoscopios de Edison cara aos que se lanzaba o público ávido de novidades para ver as estrañas imaxes ou primeiras películas: un home esbirrando, ou un cabalo correndo.
Kinetoscopio de Edison. 1894
A historia do cinema de Galicia comezou o 2 de setembro de 1896, cunha exhibición realizada no Teatro-Circo Coruñés da cidade herculina. Este espectáculo foi executado mediante un kinetógrafo, e segundo as noticias publicadas na prensa os filmes mostrados foron algúns dos realizados por Robert William Paul como The Derby. A pesar de que se anunciou a presenza do aparato en Ferrol e Santiago de Compostela, estas exhibicións non chegaron a producirse pola falta dun local axeitado.
O primeiro operador en filmar en Galicia foi José Sellier. Este fotógrafo coruñés de orixe francesa, mercou aos irmáns Lumière un cinematógrafo co que exhibía filmes no seu estudio da rúa de Santo André da Coruña. Para os espectáculos rodou as primeiras fitas galegas. Non se conserva ningunha película del pero si se pode saber algunhas películas que fixo rastreando entre programas de mans conservados ou anuncios publicitarios na prensa do momento como: Enterro do Xeneral Sánchez Bregua (1897), San Jorge, salida de misa (1897), Fábrica de gas (1897), Plaza de Mina y Orzán (1897), Orzán, oleaje(1897), Temporal en Riazor (1898), Regreso de Cuba/ Desembarco de los heridos de Cuba en nuestro puerto (1898), Matadero y salida de operarios (1898) ou Descarga de carbón (1898).
José Sellier e a súa esposa no Xardín de San Carlos.
Cabe suliñar que existen historiadores como Folgar, Castro de Paz ou Letamendi,.que sinalan o Enterro do Xeneral Sánchez Bregua como a primeiro filme rodado no estado español e filmada por un español (José Sellier estaba nacionalizado español), a diferenza da tendencia xeral que di que foi o filme "Salida de misa de doce del Pilar de Zaragoza" do pioneiro aragonés Eduardo Jimeno Correas.
Saída da misa de doce da Igrexa do Pilar de Zaragoza. (1896)
Dunha certa cantidade de eventos e imaxes rodadas en Galicia, o filme máis antigo que se conserva foi rodado por Ibérico Films no ano 1913 na cidade de Ferrol, onde a infanta Isabel "La chata" asiste á botadura do Acorazado Alfonso XIII e á inauguración do dique "Reina Victoria". O segundo filme máis antigo que se conserva sobre Galicia data do ano 1915 da Cinemateca Portuguesa, realizado por Manuel Cardoso Pereira para Invicta Filme sobre o ano santo en Compostela-xacobeo de 1915. A segunda película de cinema producida en Galicia que se conserva,restaurada no laboratorio de IB Cinema por Ignacio Benedeti Corzo e Víctor Galdó foi a festa dos Caneiros 1918.
"RIña en un café" (Liorta nun café) é considerada a primeira película do estado español con argumento, dirixida polo pioneiro catalán Fructuós Gelabert en 1897. Rodouse cunha cámara que construiu el mesmo. En 1899 fundou os primeiros estudios barceloneses destinados á construción de aparellos cinematográficos e equipos de proxección. Dese mesmo ano é “Choque de dos transatlánticos”, na que usou maquetas e barcos en miniatura, considerada a primeira película española na que se empregaron trucaxes. Construíu o primeiro tambor xiratorio con fondos pintados, para crear a sensación do movemento dun tren en “Los calzoncillos de Toni” (1908).
Riña en un café. (1897)
A francesa Alice Guy-Blaché foi a primeira muller directora de cinema e unha das primeiras persoas que dirixiron filmes de ficción. La fée aux cherand (A fada dos repolos) de 1896, está considerado o primeiro filme de ficción da historia. Está interpretada por Yvonne Serand, considerada tamén a primeira actriz de reparto. Alice Guy, xunto co seu marido e George A. Magie fundou nos Estados Unidos The Solax Company, o meirande estudio americano anterior á creación de Hollywood.
La fée aux cherand. (1896)
O aragonés Segundo de Chomón modificou nos inicios do cine unha cámara cinematográfica para realizar unhas das primeiras pixilaciones (animacións de persoas cadro a cadro) da historia do cinema. Foi director, iluminador e un dos primeiros especialistas de efectos especiais e trucaxes de revelado. O Hotel Eléctrico é a primeira produción española na que se utiliza a rodaxe de obxectos animados. Transformou unha cámara para poder realizar esta función e capturar as imaxes fotograma a fotograma. Na película presenta a un matrimonio que chega a un Hotel onde todo realízase de forma automática. Achegou varias innovacións ao mundo do cine. No 1902 dirixiu, xunto co francés Ferdinand Zecca, La fée printemps.
La fée printemps. (1902)
Viaxe á lúa (Le voyage dans la Lune, 1902) é talvez a primeira super produción da historia. Foi dirixida polo francés Georges Méliês con guón do seu irmán Gaston Méliês. Organízase en once secuencias, a maioría deles rodadas nun só plano xeral cunha cámara fixa. Aínda que está baseada na coñecida novela de Xulio Verne, toma elementos de varios espectáculos de ilusionismo que fixera o mago de Montreuil no teatro cara a 1891 (As caras da lúa, As desventuras de Nostradamus) e de películas súas anteriores como A lúa a un metro (A Lune à un mètre, 1898). A película carece de rótulos explicativos, aínda que a Star Filme redactou un folleto explicativo destinado aos explicadores das salas (relatores que lían os intertítulos ou explicaban o que ía ocorrendo). Os decorados son tanto tridimensionales como debuxados e abundan todo tipo de trucos.
Outros filmes como The Life of a American Fireman (1902) e, sobre todo The Great Train Robbery (1903) de Edwin S. Porter, son exemplos dunha emerxente utilización da montaxe e amosan esbozos de narración.
Le voyage dans la Lune, (1902)
Entre o ano 1905 e o 1906 José Pradera realizou en Galicia as súas filmacións, na súa maioría de temática local coruñesa e seguindo o modelo iniciado por José Sellier. Entre as súas gravacións destacan obras como: A saída da igrexa dos Xesuitas (1905), Panorama do Cantón (1905), Obelisco e estatua de Carballo (1905), Cabalgata alegórica das últimas festas da Coruña (1906), Sesión de patíns na Coruña (1906), Vista da Coruña (1906) ou Embarque da tuna compostelá / A tuna compostelá embarcada no Mosquito (1906). En 1906, Pradera deixou a Coruña para instalarse na cidade de Valladolid.
Pavillón Barbagelata en Tui.
Entre 1906 e 1908 van desaparecendo as barracas ambulantes das cidades e vilas galegas mentres se constrúen pavillóns concibidos para a exhibicións de proxeccións cinematográficas dentro dun programa xeral de variedades e dentro dos teatros. Xurdiron así o Pavillón Lino (1906) na Coruña, impulsado por Lino Pérez Lastres, o Pavillón New England (1906), de Vicente Auboín Barcón, en Ferrol, e o Pavillón Pinacho (1907), de Isidro Pinacho, en Vigo. En 1908, Eduardo Villardefrancos inaugurou na rúa Real o Salón París, considerada a primeira estrutura permanente para a exhibición cinematográfica en Galicia e que estivo en funcionamento ata 1999. Tamén faría unha serie de traballos como realizador como: A Semana Santa na Coruña (1911), Torneo de foot-ball (1911), Llegada y salida del tren de La Tribuna (1912), Botadura del España (1912), Concurso hípico da Coruña (1912), Inauguración de la estatua de Linares Rivas (1912), Tiro de pichón (1912), Cabalgata anunciadora (1912), Jura de Bandera (1913), Botadura del Alfonso XII (1913) ou El año santo en Compostela (1915).
Pavillón Lino Pérez, antes do seu incendio.