A etapa do cinema galego na Segunda Republica é unha das máis interesantes do cinema galego, máis polo que puido ser que polo que foi. A implantación do cine sonoro coincidiu coa instauración dun novo modelo de goberno: a República. Seguíase a facer na nosa terra un cinema con temática noticiaria e documental sen máis pretensión que a visual, moitas veces encamiñada á colectividade emigrante.

Tranvías da Coruña. (1926)

Durante este período cheo de ilusión e liberdade é cando agroman as figuras máis sobranceiras da historia do audiovisual galego, a "tríade de ourensáns": Carlos Velo, José Suárez e Antonio Román. Uns cineastas que estiveron abertos as vangardias cinematográficas conectando coa modernidade europea. De súpeto, a mirada fílmica galega estructurábase, por primeira vez, con criterios estéticos e narrativos, entendendo o documental como a canle axeitada para abordar inquedanzas artísticas, culturais, etnográficas, científicas e sociais.

      Carlos Velo (1909-1988)            José Suárez (1902-1974)           Antonio Román (1911-1989)

Carlos Velo Cobelas estudiou bioloxía na Universidade de Madrid. Organizou na Residencia de Estudantes, xunto con Buñuel, un dos primeiros cineclubs de España. Realizou en imaxes a súa tese doutoral dobre a comunicación das abellas. Durante a República dirixiu documentais. Ó finalizar a Guerra Civil tivo que exiliarse a México.. En 1984 veu a Galicia recibindo, de parte da Xunta, o premio "Mestre Mateo" e en 1985 fíxoselle unha retrospectiva-homenaxe no Festival do Carballiño. Finou en México D. F. no ano 1988. A maioría dos créditos das curtametraxes documentais (feitos durante a República) poñen que son co-dirixidos con Fernando Mantilla pero, segundo varias fontes, o deste limitábase á tarefas de produción. Estas obras foron: La ciudad y el campo (1934), Almadrabas (1935), Castillos de Castilla (1935), Felipe II y El Escorial (1935), En un lugar de Castilla (1935), Saudade / Santiago de Compostela (1936), Galicia / Finisterrae (1936) ou Yebala/ Romancero Marroquí (1938). 

Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo

José Suárez Fernández estuda dereito en Salamanca e o rematar publica o seu primeiro libro de fotografías. Logo fai, con bastante éxito, exposicións en Madrid e París. A produtora Cifesa proponlle o paso ó cinema realizando unha serie de documentais. A Guerra Civil interrómpelle este proxecto e ten que exiliarse en Arxentina. Alí segue facendo cinema, mais como director de fotografía que de director. Colabora como correspondente fotográfico cunha chea de xornais e revistas: El Día, La Prensa, Life, U.S. Camera,... Realiza fotografías sobre a cultura tradicional do Xapón, sobre La Mancha, sobre a tauromaquia e continua a serie fotográfica sobre Galicia que comezara nos anos 30. Como director destacan dúas obras: Mariñeiros (1936) e La mujer y el jockey (1939). 

Imaxe relacionada

Mariñeiros (1936). José Suárez

A Antonio Román a súa paixón polo cinema veulle dende a súa infancia. O pai agasallouno cunha pequena cámara facendo, de xeito amateurs, os seus primeiros ensaios fílmicos. En Madrid estudou farmacia, asistiu a sesións de cineclubs, a tertulias e escribía críticas e artigos para distintas revistas. En 1932 comeza a súa filmografía primeiro con documentais influídos polas vanguardias e logo, despois de sintonizar coa "causa" nacional, na posguerra adícase a alternar a dirección nos filmes de ficción co traballo de guionista no cine español. Destacan os documentais: Terra meiga/ Poema visual sobre motivos galegos (1932) Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1934), Ciudad encantada (1935), El oso y el madroño/ Madrid (1935), Barcelona ritmo de un día (1939), Mérida (1940), Al borde del gran viaje (1940), De la Alhambra al Albaicín (1940) ou O carro e o home (1940-1945). Dirixiu tamén filmes de ficción como: Intriga (1942) ou La casa de la lluvia (1943)

Intriga (1942) Antonio Román

Durante a guerra civil os cines galegos seguiron en funcionamento dando unha imaxe de normalidade. As dificultades de adquisición de novos filmes fixeron que as salas volvesen emitir cintas antigas e que aumentase a presenza de filmes españois, que ata ese momento eran minoritarios. Nos meses iniciais chegáronse a proxectar por este motivo filmes como El bailarín y el trabajador e La hija de Juan Simón, que máis tarde foron prohibidos pola Junta de Censura Cinematográfica. Este organismo, creado para evitar diferenzas de criterio na zona nacional estableceuse o 21 de marzo de 1937, tendo unha das súas sedes na Coruña.

Posiblemente algúns dos filmes emitidos nos cines galegos serían de Charles Chaplin (1896-1977), actor, director de cinema e compositor inglés que acadou a fama na era do cinema mudo. Converteuse nunha icona mundial a través do seu personaxe "Charlot", e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cinema.

A Quimera do ouro. (1925)

Tras varios intentos con inventos coma o TriErgon (1918) ou o Phonofilm (1923) o pulo definitivo ao cinema falado chegou en 1927, ano en que a Warner Bros. apostou polo Vitaphone e o aplicou a algún dos seus filmes, como Don Juan ou Old San Francisco. Porén, foi The Jazz Singer o primeiro filme que, ademais de ruídos ou efectos sonoros, incluíu diálogos. O éxito destes sistemas levou en pouco tempo á desaparición do cinema mudo, de xeito que en 1929 o cinema estadounidense era case totalmente falado. No resto do mundo, esa transición se produciu de forma máis lenta, pero aínda así acabaría impoñéndose. A chegada do son ao cinema, se ben inicialmente provocou unha volta ao teatro filmado ata a total adaptación ás posibilidades da palabra, tamén deu lugar a unha diversificación de xéneros, nacendo o musical ou as comedias de diálogos. Tamén levou a que moitos dos actores de éxito fosen apartados e moi poucos, como Greta Garbo, fixesen o tránsito do mudo ao falado.
A primeira sesión sonora en España tivo lugar en setembro de 1929, mais o problema de adaptaren as salas os seus equipos explica o atraso da chegada a Galicia. O cinema sonoro chegou realmente a Galicia o 14 de marzo de 1930, día da estrea en Vigo de The Singing Fool, de Lloyd Bacon, con Al Jolson. Anteriormente tiveran lugar exhibicións con son co sistema da Hispano de Forest Fono Film. Ao longo dese ano chegou ás demais cidades galegas, agás Lugo, á que chegou en maio do ano seguinte. En 1931 tamén se implantou en vilas como Ortigueira, O Porriño e Tui.

The Singing Fool. (1928)

A mediados dos anos trinta chegaría outra innovación, a cor, xa que anteriormente os únicos filmes con cores eran os que se pintaban a man fotograma a fotograma.
Nos anos seguintes terían grande éxito nos Estados Unidos filmes épicos ou bíblicos xunto con filmes de gánsters. A violencia destes filmes, así como a expansión de filmes con certo contidos sexuais, coma os de Mae West, levou á aplicación do código Hays, unha serie de regras que censuraban os contidos dos filmes estadounidenses.

.